viernes, 31 de diciembre de 2010

CASSANDRA WILSON (iii)

Está claro que o mellor regalo que vos podo facer neste Nadal, é "postear" o novo disco da musa da maior parte dos seguidores deste blog. Que Cassandra saque un disco é sempre unha alegría. O feito que sexa de Casssandra Wilson indica que o disco é bo e punto. Neste blog iso non se pode discutir e ademais tedes a razón. É un bo disco... unha vez máis.
Imos comentalo un pouco.
O disco comeza con 3 versións en directo de cancións que xa sacara no álbum de versións de Standards de Jazz (Loverly), do que xa falaramos aquí en anteriores entradas
St. James Infirmary de Louis Armstrong


Lover Come back to me (Billie Holiday)


A day in the life of a fool (Frank Sinatra)


Como sempre nos seus discos, inclúe versións de temas clásicos. Neste caso hai 2 que me encantan.
O 1º é unha revisión dun clásico dos Beatles que aparece no "White Album": Blackbird


O 2º é unha versión extraordinaria dun tema de Stevie Wonder "If it's magic"


De entre os temas propios, quédome con "Beneath the Silver Moon"



E para rematar, un regalo extra que non está incluído no disco: Escoitade esta versión do Augas de Março


Que o disfrutedes. Un abrazo

viernes, 17 de diciembre de 2010

VERSIÓNS: FRAGILE

"Fragile" é un tema de Gordon Summer ("Sting"), que aparece por primeira vez no álbum de 1987 "Nothing like the Sun".
Según Sting nunha entrevista para a versión inglesa da revista "Rolling Stone", a canción é un tributo a Ben Linder, un enxeñeiro civil norteaméricano asasinado pola contra nicaragüense mentres intentaba levar a cabo un proxecto hidroeléctrico no país centroamericano.
Esta é a letra da canción. Inclúo a tradución ao galego

If blood will flow when flesh and steel are one
Drying in the colour of the evening sun
Tomorrow's rain will wash the stains away
But something in our minds will always stay

Perhaps this final act was meant
To clinch a lifetime's argument
That nothing comes from violence
and nothing ever could
For all those born beneath an angry star
Lest we forget how fragile we are

On and on the rain will fall
Like tears from a star (x2)
On and on the rain will say
How fragile we are (x2)

(repeat chorus)



A sangue vai manar cando a carne e o aceiro se unan
Secándose á cor do sol da tarde
A choiva de mañán limpará as manchas
Pero algo quedará por sempre na nosa mente.

Seguramente este acto final supoña
pechar unha disputa que dura unha vida.
Nada bo ven da violencía
e nada nunca virá.
Para todos aqueles nacidos baixo unha estrela cabreada,
non vaiamos olvidar o fráxiles que somos.

Unha e outra vez a choiva caerá
como bágoas dunha estrela (bis)
Unha e outra vez a choiva nos recordará
O fráxiles que somos (bis)

Esta é a versión de Sting en acústico


O mesmo Sting pero agora cantando en portugués


A continuación vos deixo 2 versións que xa coñecedes. A 1ª é a da nosa admirada Cassandra Wilson:


Como me consta que vos encanta Cassandra, déixovos outra versión en directo, con Fabrizio Sotti na guitarra

A 2ª é moi recente: Sophie Milman con Jesse Cook na guitarra


Sting tamén ten unha versión en castelán, pero prefiro poñervos esta de Mercedes Sosa:



Unha versión de jazz. Nils Landgren, considerado o mellor trombonista (¿dirase así?) do mundo, co acompañamento vocal de Rigmor Gustaffson


Sarah Jane Morris, ex-vocalista dos Communards


A imaxe non é moi boa, pero sempre paga a pena escoitar a voz da gran Dionne Warwick:



Holly Cole (outra vez con Jesse Cook na guitarra)








Unha versión "a capella" do grupo Salvocalee:


A min personalmente gústame máis esta versión do coro de gospel "The Celebration":


Un dueto deses imposibles: Sting con Julius Churches (jejeje)


Para os amantes das rarezas, atentos a esta versión do inventor do Soul sinfónico: Isaac Hayes. A intro é un pelín larga. A canción en si comeza ao arredor do minuto 4



Finalmente, déixovos tamén unha versión instrumental a cargo do saxofonista Freddie Hubbard






viernes, 10 de diciembre de 2010

SOPHIE MILMAN

Sophie Milman naceu en Rusia e aos 7 anos emigrou cos seus pais a Israel, Ao cumprir aos 16 voltou emigrar pero desta volta a Canada e nese país deixou crecer a semente que lle cultivara o seu gusto polo jazz. Seus pais eran fans de Ella Fitzgerald e de Oscar Peterson.
Aos 21 anos presentouse nun programa de televisión de Toronto e iso levouna a firmar un contrato para grabar o seu primeiro disco que leva o seu nome,Sophie Milman (2004). Ese disco abreulle as portas do mercado musical e ata a data sacou outros 2 discos máis: Make Someone Happy (2007) e Take Love Easy (2009) Pero é ese primeiro disco do que vos pretendo falar hoxe, xa que como en algunha que outra ocasíón da que xa vos falei noutros posts, este disco leva 10 días sen saír do meu reproductor.

De contado a súa voz che cautiva: cálida, suave pero a vez potente e educada, co carisma das grandes divas do jazz actual. Ou tal vez sexa por ser unha filla da globalización , marcada polá súa vida viaxeira e que a leva a fusionar o jazz con outros estilos dando como resultado esa mestura que a min persoalment, tanto me gusta.

Como outras grandes, non faltan versións de grandes clásicos. Para que comezedes a darvos unha idea dos alcances desta voz, atentos a esta versión do clásico "Auga de beber" do xenial Antonio Carlos Jobim



Unha enorme versión da celebérrima canción que fixo famosa a Edith Piaf, La vie en rose.


Incluso se atreve cun gran éxito da gran Billie Holiday, unha canción composta explicitamente para ela por George Gershwim, The man I love


Outo gran clásico de Cole Porter, My heart belongs to Daddy



Esta é unha adaptación dunha canción tradicional rusa: Ochi chernye ("ollos negros")



E de propina, unha nova versión do Fragile de Sting, Esta vez xunto cun dos máis grandes guitarristas da actualidade: Jesse Cook.

miércoles, 24 de noviembre de 2010

CANCIÓNS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Mañán 25 de Novembro celébrase o día da non violencia contra as mulleres, e como no intituto algunhas compañeiras me piden cancións para poñer na clase, pensei que sería unha boa idea recopilalas aquí. Son de estilo variado, e en algúns casos con autores e música cos que xa sabedes que non comulgo moito, pero neste caso o máis importante é a mensaxe e non a música nin os cantantes.
Ah ! E perdón polo retraso !!!!!!

Primeiro as que normalmente uso eu na clase de inglés:
Babyface e Stevie Wonder: "How come, how long"
Buscade o video en youtube porque é extraordinario. O que vos deixo aquí é outro video cos subtítulos da canción:



A seguinte é un tema de Ashanti do ano 2003 "Rain on me"


Posiblemente a canción que máis lles gusta aos meus alumn@s. "Wash away those years" de Creed


A miña favorita, Tracy Chapman : "Behind the Wall" . Impresionante versión "a capella". Os subtítulos están en inglés pero pon os pelos de punta de igual xeito


Nickleback: "Never again" tamén subtitulado


A suxerencia dun dos asiduos lectores deste blog, inclúo tamén a canción de Police "Every Breath you take" , xa que fala do control das relacións de parella que é unha das principais estratexias dos maltratadores para conseguir que as mulleres perdan a súa liberdade. Esta é unha versión moi vella do tema interpretada a duo por Sting $ The Boss


Melendi : "Hasta que la muerte nos separe"


Un clásico de Revolver, con letra do gran Carlos Goñi: "Lo que Ana ve"


Amaral: "Salir corriendo"


Ana Belén: "Un extraño en mi bañera"


Pedro Guerra: "Hogar"


Huecco: "Se acabaron las lagrimas"


Mago de Oz : "Hasta que tu muerte nos separe"


La fuga : "A golpes"


Bebe: "Ella"


Bebe: "Malo"



Pasión Vega: "María se bebe las calles"


Victor Manuel. "El club de las mujeres muertas"


Andy y Lucas: "Y en tu ventana"


Orishas: "Mujer"


Los Suaves : "Pobre Sara"


E para acabar, 2 suxerencias dos meus fillos sobre o tema:
Adrián propón esta canción de Reincidentes: "Ay, Dolores"


E o pequeno, Jorge, que me saiu rapero (unha desjrasia coma outra calqueira ;) ) quere recomendarvos este tema de Falsa Alarma : "Bondad o Malicia"



En definitiva, como cantaba a gran Aretha Franklin, o que se merecen TODAS é RESPECT



Seguro que hai unhas cantas cancións máis que deberían estar aquí. Non están todas as que son pero si son todas as que están. Espero as vosas suxerencias.

martes, 5 de octubre de 2010

VERSIÓNS - STAND BY ME

A petición dun dos tolos que habitualmente len este blog, de cando en cando poñerei as versións que coñeza dun tema clásico. Para empezar, nada mellor que Stand By Me, que según BMI (Broadcast Music Inc.) foi o temas máis interpretado do século XX. A bo seguro que haberá máis versións deste tema, pero aquí vos deixo unhas cantas.
Stand By Me é un tema composto por Ben E. King xunto con Jerry Leiber e Mike Stoller. A canción está adaptada a partir dun tema gospel do grupo "The Staples Singers". O curioso do caso é que Ben E. King non tiña ningunha intención de publicala, pero durante as sesións de grabación de "Spanish Harlem" o productor preguntoulle se non tiña novo material, e Ben tocou ao piano "Stand by me". De inmediato o productor parou a postproducción e chamou a músicos de sesión para incluír ese tema sen falta.
Esta é a versión orixinal de Ben E. King



Posiblemente a versión máis coñecida sexa a de John Lennon, que grabou unha versión de Stand by me para o álbum Rock'n'Roll do ano 1975, antes de anunciar o seu retiro temporal do mundo da música para adicarlle tempo ao seu fillo Sean.



A seguinte versión é de U2, nun concerto no estadio Rose Bowl en L.A. dentro da xira de 2010 chamada 360º tour



Outra de U2 (vale, xa sei que me perde a pasión). Esta vez no marco da xira do álbum "The Joshua Tree", pero un tanto especial, porque fan un dueto máxico co Boss, o gran Bruce Springsteen








A continuación unha das miñas versións favoritas, os sempre recordados The Fugees



Cambiamos de estilo, esta vez Rockapella







Os grandes do Heavy e do Punk tampouco se resistiron a facer un "cover" desta canción. 2 exemplos, o primeiro unha versión dos míticos Led Zeppelin nun concerto en Osaka.



A 2º versión en plan punk de Green Day nun concerto en Chicago.


Esta é a versión de Seal



A seguinte versión é da gran Tracy Chapman, nun concerto en directo en Turín. A calidade do vídeo non é moi boa, pero a versión é extraordinaria.



Esta é de Andrés Calamaro, cando aínda estaba con Los Rodríguez



Un dueto raro, Lady GaGa e Sting interpretando o Stand By Me no Almay Concert



Outro dueto raro, o grupo Bon Jovi xunto co cantante iraní Andy Madadian, cantando a primeira parte en farsi (lingua oficial iraní) en protesta polas eleccións onde saiu reelexido o presidente iraní Mahmoud Ahmadinejad.



E por último, unha versión que me descubriu Eduardo, un cliente arxentino habitual naquela época en A Cova da Vella, dun grupo indie de Rock Arxentino chamado Sumo. Detrás desta versión hai unha historia tráxica: O último concerto da banda liderada por Luca Prodan foi o 20 de decembro de 1987 na cancha do Club Atlético Los Andes. Tras o bises do rigor, a banda interpretou este cover da canción de Ben E. King. Ao presentala, Luca dixo "Ahí va la última", e así foi, 2 días despois apareceu morto na casa dunha amiga a causa dun paro cardíaco e cunha cirrose irreversible.



Para hoxe xa me cansei. Espero que vos gustara esta idea, así que podedes dicirme que versión é a que máis vos gusta, suxerirme novas cancións para poñer versións ou simplemente mandarme ao carallo. :)

sábado, 25 de septiembre de 2010

MADELEINE PEYROUX

Xa sei que me ides abroncar por tardar tanto, así que como compensación hoxe toca discografía completa, neste caso a gran Madeleine Peyroux. Comparada por moitos e con acerto coa gran Billie Holiday, esta cantante, compositora e guitarrista admite como referencia a Eleonora, pero tamén a Bob Dylan, Leonard Cohen, Edith Piaf ou Bessie Smith.
A súa infancia ven marcada polo divorcio de seus pais e o seu traslado a Paris, onde comeza o seu contacto coa música a travás dos músicos do barrio latino. Tras cantar starndars de jazz por todo Europa, o seu debut en solitario é o álbum Dreamland en 1996.
Neste álbum atopamos por exemplo este acercamento a "La Vie en Rose" de Edith Piaf








De todos xeitos moitos de nós tivemos noticias deste disco oito anos máis tarde, no ano 2004 coa publicación dunha obra maestra que non debería faltar en ningunha discografía que se precie: "Careless love" e iso fixo que buscásemos todo o que tiña publicado esta muller
"Carelsss love" é un disco redondo cheo de grandes versións de temas clásicos.
Comecemos por escoitar "Dance me to the end of love" de Leonard Cohen




A esta versión síguelle esta xenial versión dun tema de Bob Dylan, You're gonna make me loneseme when you go



Outro dos temas destacados, en realidade podería poñervos todo o disco, é esta versión deste tema de Hank Williams, "Weary Blues"








Por último, un tema de composición propia: Don't wait too long



O seu terceiro álbum foi Half the perfect world(2006)
A primeira novidade é que desta vez a metade dos temas son orixinais. Se teño que destacar un, a min o que máis me gusta é este; "I'm all-right"


De todos xeitos, non descoida as versións. Escoitade esta versión extraordinaria dun tema do xenial Tom Waits: "(Looking for)The heart of Saturday Night"


Ou este dúo con K.D. Lang do tema River, de Joni Mitchell


Pero eu recoméndovos sobre todo dous temas. O primeiro é esta excepcional versión do tema de Nilson "Everybody's talking"


E para acabar, o tema que pecha o álbum. Unha versión do tema Smile de Charlie Chaplin



E xa chegamos ao seu último álbum polo momento. "Bare Bones" foi publicado en 2009 e marca un punto de inflexión na carreira de Madeleine, pois neste caso tódolos temas son de composición propia.
O primeiro single foi este tema: You can't do me



Outro tema destacado é "Damn the circumstances"


Espero que merecera a pena a espera.

viernes, 27 de agosto de 2010

THE NEW COVERS BAND

Xa estamos de volta.
Acabou o periodo de desintoxicación das novas tecnoloxías e haberá que cargar as pilas outra vez.
Desta volta, non podía empezar de mellor xeito que presentándovos a un grupo da zona: The new covers band, que versionean temas dos 70, 80 e 90. Se tedes a posibilidade de velos en concerto, por favor queda prohibido perdelo. Son fabulosos.
The new covers band está formado por: Armando Enrique: Voz principal e Percusións
Juan Ciego: Voz e Guitarra. Fernando Peón: Voz e Baixo Eléctrico. Iván Plá: Voz e Batería. Vicente Cacabelos: Voz e Teclados e José Carlos Rial: Técnico de Son.
Ademáis para este bloguero teñen un significado especial, pois Fernando Peón é un ex-alumno do IES leliadoura e ademais Juan Ciego resulta ser o profesor de guitarra do meu fillo Adrián, así que se non lles fago un pouco de propaganda desde este blog vou ter problemas na casa ...
Unha recomendación para os que usades o caralibro. Unídevos á páxina do facebook de The new covers band. Dende alí teredes aceso a novos vídeos (non vos perdades o video das festas da dorna onde interpretan "Still loving you" dos Scorpions), descargas gratuítas en mp3, datas de concerto...
Déixovos con 2 videos. O primeiro é unha versión que fan do "I just call to say I love you" de Stevie Wonder



O 2º é unha versión en español dun dos temas máis grandes de tódolos tempos "Hotel California" dos Eagles

jueves, 5 de agosto de 2010

SILJE NERGAARD

Que hai sireas entre o Báltico e o Mar Norte entrando e saíndo dos fiordos é unha verdade incontestable. Que ás súas voces che cautivan e penetran no teu corazón a través dos oídos, é algo que ninguén dubida. Cando menos ninguén que escoitara cantar a Silje Nergaard.
A cantante noruega deuse a coñecer ao gran público con 16 anos nunha jam session con Jaco Pastorius. O seu inusual e orixinal estilo de improvisación vocal entusiasmou á crítica e ao público, cousa por outra lado moi pouco común. O seu single de debut, Tell me where you're going, mantívose máis de 15 semanas nas listas inglesas
Tras algúns escarceos co pop, regresa á senda do jazz cos discos At first Light (2001) e Nightwatch (2003).
O seu último álbum "A thousand true stories" foi publicado no outono do 2009. 47 minutos e 9 temas para disfrutar, fruto da madurez musical de Silje. Unha maravilla de delicadeza e bo gusto para disfrutar a media luz recostado nun sillón.
Déixovos unha vez máis 3 cancións
A primeira chámase ."Bewitched, bothered and bewildered"

Silje Nergaard - Bewitched, bothered and bewildered








A segunda canción é "Come on in from the garden"

silje nergaard - come in from the garden








E a terceira, non é deste álbum, pero posiblemente sexa a súa canción máis coñecida "Be still my heart"

jueves, 8 de julio de 2010

CALEXICO

O outro día alguén me preguntou que grupo actual "non excesivamente coñecido" escoitaba con máis frecuencia e a miña resposta foi Calexico. Esta banda é orixinaria da cidade fronteriza de Tucson, Arizona. O seu nome, asociación dos terminos California e México, xa nos adianta esa mestura de estilos que tanto me gusta. De feito, algún crítico na rede os define como "unos nuevos Pink Floyd con mariachis". Posúen unha enorme versatilidade musical. As súas composicións van dende o folk, o rock, o country, a canción protesta, os corridos mexicanos, unha impresionante colección de instrumentos nas súas composicións ...
Joey Burns (voz e guitarra) e John Convertino (batería)son a alma de Calexico. Arredor deles vanse xuntando outros músicos para darlle forma aos discos. Ata o de agora publicaron 7 discos de estudio, e todos eles cunha merecida boa crítica porque en Calexico hai valentía, diversidade, orixinalidade e sobre todo intensidade sonora.
Quero recomendarvos especialmente os seus 2 últimos discos "Garden Ruin" e "Carried to dust"´onde abandonan un pouco o tema dos mariachis pero introducen violíns, trombóns, trompetas, contrabaixos ... que fan destes discos un grandioso espectáculo sonoro.
A 1ª canción que vos deixo é de Garden Ruin; chámase "Cruel"



A 2ª canción é do seu último disco. Chámase "Victor Jara's hands". Nesta canción colabora Jairo Zavala (aka DePedro, ex Amparanoia, e ex Vacazul entre outros)



No post anterior vos falaba da súa colaboración no disco de Lizz Wright. En realidade fan e reciben moitas colaboracións. Por exemplo no seu último disco ademais de Jairo Zavala, colaboran Douglas McCombs, Pieta Brown ou Amparo Sánchez (Amparanoia). O que vos deixo aquí é unha versión que fan xunto con Iron and Wine, do clásico dos Rolling, "Wild Horses"


Iron and Wine - Wild Horses









E como propina outra colaboración, desta vez con Charlotte Gainsbourg para interpretar o clásico de Dylan, "just like a woman"

Charlotte Gainsbourg Calexico - Just like a woman









Espero que vos guste

miércoles, 30 de junio de 2010

LIZZ WRIGHT - THE ORCHARD

Levo un par de días pensando de que disco falarvos sin que botedes de menos a Cassandra Wilson, e decidinme polo terceiro e polo momento último disco de Lizz Wright: The Orchard
Lizz Wright deuse a coñecer con un grupo de jazz coral que se chamaba In the spirit, pero salta á fama nun concerto homenaxe a Billie Holiday na que interpreta 2 temas: I cover the waterfront, e Don't explain que deixan ao público con bágoas nos ollos.
A partir de ahí, contrato con Verve Forecast, un primeiro disco excepcional con moitos standards do jazz ("Salt"),un segundo disco máis soul e gospel ("Dreaming Wide Awake") e por fin este The Orchard, por certo producido por Graig Street, curiosamente o mesmo productor de Cassandra Wilson.
Neste disco atopamos 13 temas, algúns deles co-escritos pola propia Lizz e Toshi Reagon, e coa colaboración de músicos excepcionais como Joey Burns ou John Coventrino do grupo Calexico, do que vos prometo un post proximamente.
Pero polo mesmo prezo, atopamos versións fantásticas de temas de Ike & Tina Turner ("I idolize you"), Patsy Cline ("Strange"), Led Zeppelin ("Thank you") ou Neil Young ("Old man").

Déixovos 2 temas.
O primeiro é unha composición da propia Lizz Wright chamada "My heart"


Lizz Wright - My Heart








O 2º tema é un directo no que interpreta o clásico de Neil Young "Old Man"

domingo, 27 de junio de 2010

WISH YOU WERE HERE

Hoxe estou de baixón. Fai un ano da morte dun familiar, dun amigo.

28 anos, unha vida por diante, unha filla preciosa de 4 anos, unha moto de alta cilindrada, un puto camión que adianta... bágoas,dor incontrolable na súa viúda, tristura infinita nos ollos da súa filla ... preguntas sen resposta da súa nai ...

Xa pasou un ano.

Desde aquí vai a miña particular homenaxe, e para os asiduos deste blog, permitídeme que desta vez non vos presente un disco completo, ou unha cantante que non coñecíades. Hoxe, apetéceme volver aos clásicos.

Para José, In Memoriam, "Wish you were here" (Oxalá estiveras aquí) de Pink Floyd.

sábado, 26 de junio de 2010

CASSANDRA WILSON (II)

Segundo a wikipedia, Casandra na mitoloxía grega era filla de Hécuba e Priamo, por aquel entón reises de Troia, e significa "A que enreda aos homes". Ben, pois polos comentarios nos posts anteriores queda claro que a Cassandra que eu vos presentei, enredou a homes e a mulleres e vos quedástedes con máis ganas de esocitar cousas da Wilson, así que imos facer unha segunda parte do post anterior, e espero que vos chegue para unha boa temporada. :-)
PARTE 1:
No anterior post me centraba no seu último álbum "Closer to you, the pop side", e nos comentarios vos explicaba que esas versións que compoñen este álbum, en realidade era unha recopilaciòn das cancións que fóra interpretando ao longo dos 7 álbums que leva co selo Blue Note. Tamén insistía que nesa recopilación, a min me faltaban 2 temas. Ben, pois como regalo extra aquí os deixo:
O 1º é a versión que fai do "Killing me softly" de Roberta Flack, e que algún de vós se me queixou que non había xeito de conseguilo. Ok, pois "misteriosamente" alguén o subiu á listengo, así que xa podedes disfrutalo.

Cassandra Wilson - Killing me softly








O 2º tema, é unha versión do clásico de Bob Marley "Redemption Song":




Parte 2:
Unha vez satisfeita esa parte, quero recomendar tamén o seu álbum anterior: "Loverly", que neste caso fai unha recopilación de versións de temas clásicos do Jazz e do Soul, contando ademais cun acompañamento de luxo, con Jason Moran no piano, Marvin Sewell nas guitarras e Lekan Babalola na percusión entre outros. Aínda que como vos contaba no post anterior, o gran instrumento é a súa impresionante voz.
A selección inclúe versións de temas como "Black Orpheus" de Keziah Jones, "Gone with the wind" de Ella Fitzgerald ou "The very thought of you" de Billie Holiday (tema que inmortalizaría Janis Joplin.
A continuación déixovos 2 cancións dese álbum.
a 1ª é a versión que fai do clásico de Duke Ellington, "Caravan"


Cassandra Wilson - Caravan








e a 2ª é a versión de "St, James Infirmery" de Louis Armstrong



Espero que con esto sexa suficiente para unha temporada...

martes, 22 de junio de 2010

MELODY GARDOT

O seu sen dúbida si que é un exemplo de perseverancia e de superación da adversidade. Nacida en 1985, a idade de 19 anos xa tocaba o piano en clubs nocturnos de jazz da súa Philadelphia natal.Un día que ía en bici para un deses clubs, un conductor a atropellou. Perdeu a memoria curta, lastimou os oídos e durante un tempo quedou paralizada de cintura para abaixo. Un doctor iluminado obrigouna como parte da terapia, a retomar a música e milagrosamente conseguiu recuperarse atopando a forza e a determinación necesaria para seguir coa súa carreira de artista. Hoxe en día precisa gafas escuras, usa bastón, e leva implantado un electro estimulador subcutáneo que lle transmite impulsos eléctricos para aliviar a dor, pero aínda así consiguiú o que se propoñía: compón, toca a guitarra, e canta como Dios. Lanzou o seu primeiro disco, Worrisome Heart, do que vos deixo 2 cancións.
A primeira é unha canción composta por ela e que da título ao álbum; Worrisome Heart



A segunda é unha versión que realiza do clásico Somewhere over the rainbow

>

jueves, 17 de junio de 2010

CASSANDRA WILSON

Xa sabedes que me encantan os discos de versións sempre e cando me digan algo diferente do orixinal, que non sexa unha mera copia. Ese é o caso do último disco de Cassandra Wilson (Closer to you: The Pop side), que leva semanas sonando de xeito compulsivo no meu reproductor. Trátase dunha recopilación de versións de clásicos do pop-rock anglosaxón que esta cantante foi incluíndo nos seus últimos discos.
Cassandra Wilson ten unha voz peculiar: grave, sensual e poderosa pero á vez moi cálida. A diferencia de outras artistas "standarizadas" como a superventas Diana Krall, Cassandra Wilson é multidireccional: os seus discos caracterízanse for unha fusión do jazz con outros tipos de música como o blues, o country, o funk, o folk ou o pop, todo iso aderezado con ritmos afro-americanos, alonxándose así das estructuras clásicas do jazz.
Algúns de vós a recordaredes por ser a vocalista do grupo M-Base xunto a Steve Coleman e Greg Osby.
Neste disco atopamos revisións moi persoais de temas de Bob Dylan, Sting, U2, The Wallflowers, Cindy Lauper, The Monkees, Van Morrison ou Neil Young, pero fai seus cada un dos temas imprimíndolles un estilo propio e usando multitude de instrumentos diferentes como mandolinas, violíns, instrumentos típicos africanos ... e a súa extraordinaria voz!
Deíxovos con 2 videos dela:
O primeiro é a versión que fai do tema de Sting "Fragile"



Neste 2º video, interpreta o gran clásico de Neil Young: Harvest Moon

martes, 8 de junio de 2010

DEE DEE BRIDGEWATER

Despois do seu disco de fusión de jazz con música tradicional de Mali (Red Earth) a gran dama actual do jazz regresa cun disco homenaxe a Eleanora Fagan. Dito así, non dirá gran cousa, pero iso cambia cando vos diga que Eleanora Fagan era o nome real da gran Billie Holiday. Lady Day, como tamén era coñecida, é un dos persoaxes máis saturados de tributos no mundo do jazz, pero este de Dee Dee escóitase con especial pracer. Tendo en conta que na década dos 80 Dee Dee xa interpretou no teatro a Billie no musical "Lady Day", esta homenaxe non é inesperada. Ademais con anterioridade xa fixo outros discos homenaxes a grandes do jazz como Ella Fitzgerald ("Dear Ella", 1997), Horace Silver ("Love and Peace: A tribute to Horace Silver, 1995)e Kurt Weill ("This is new", 2002.
Aquí aparecen os 12 temas máis emblemáticos de Billie Holiday, empezando por "lady sings the blues" e acabando por "Strange Fruit" que foi considerada a mellor canción do século 20 pola revista Time en 1999.
Dan Oulette preséntaa así: “Dee Dee es un dìnamo espiritual y una baladista con alma. Canta con una voz que corta como navaja, hace scat con notable soltura, te hace llorar de emoción. Hasta se quiebra al descender al drama de ‘Strange Fruit’ que sirve de sentido epílogo al disco".
Desta vez, déixovos 2 cancións: A primeira é a súa versión de "Strange Fruit" que sirve de epílogo ao álbum:


Non me podo resistir a deixarvos tamén a versión que fai xunto a Mike Hucknall (o solista dos sempre recordados Simply Red) dunha das miñas cancións favoritas de todos os tempos: "You've got a friend" de Carole King. Con permiso dos demais lectores deste blog, adicada a 2 amigas do insti que me coidan e me miman cada día e que ademais se pasan a menudo por esta cova.

martes, 1 de junio de 2010

NOA & KHALED

Hai días nos que un sinte asco do mundo en que vive. Eso acontence tras o vil ataque do exército israelí contra unha flota que levaba a "temible" intención de porporcionar comida e medicamentos aos habitantes da franxa de Gaza. Unha vez máis o exército israelí amparado na impunidade da que disfruta actúa con absoluta desproporción.
Como isto pretende ser un blog de música, o que vos presento hoxe é a mellor versión que coñezo de Imagine, o himno composto por John Lennon.
A primeira vez que aparece esta versión é no ano 2001 nunha gala no World Economic Forum en New York, nunha gala producida polo gran Quincy Jones e que contaba coa participación dos meus admirados Bono e Peter Gabriel, Noa (Israelí) e Khaled(Arxelino) cantaron en árabe, hebreo e inglés esta extraordinaria versión.
Non vos perdades as imaxes do vídeo!!

lunes, 31 de mayo de 2010

DAYNA KURTZ


Ás veces, resúltame estrano este mundo da música. Non podo entender porque certos artistas venden discos coma churros e outros non pasan de ser meras figuras de culto ou xenios descoñecidos para unha amplísima maioría. Este é o caso de Dayna Kurtz, unha das mellores voces do panorama internacional, cun puñado de marabillosas cancións. Claro que esta muller representa o lado crítico de norteamérica, ese que non interesa que saia á luz e que se oculta debaixo da alfombra.
A súa voz lémbrame a divas da talla de Nina Simone, Joni Mitchell ou Bessie Smith, pero ademais as letras teñen un sabor a Tom Waits ou a Marianne Faithful e se a eso lle unides o lirismo de Leonard Cohen, o ritmo do primeiro Van Morrison ou a forza de Patty Smith, estamos diante dunha artista coma a copa dun pino.

Para os que non a coñecíades, aquí vos deixo unha das cancións do álbum "Postcards from Downtown" (2002): Love gets in the way
Espero que vos guste

TISTA

PRESENTACIÓN

Hi everybody !
Este blog nace para compracer a uns cantos amigos "pesados" que levan tempo coméndome a olla para que faga un blog musical.

"A cova de Juan Rei" é un lugar marabilloso sito na praia da Cambra en Palmeira. Alí nos xuntabamos para elaborar a nosa estratexia nas guerras fraticidas contra os do Porto ou contra os bárbaros do Norte (Algunha pedrada teño levado de máis de algún lector deste blog,;)). Pero tamén era o lugar onde nos xuntabamos para botar unha pachanga na praia, ou para escoitar música. Cada quen traía unha cassette e así algúns de nós descubrimos a Genesis ou a Pink Floyd, e alí empezamos a escoitar un programa mítico para os da nosa xeneración: Musical Cassette en Radio Popular de Vigo.

Pretendo que neste blog atopedes un espazo para o reposo e para disfrutar da música con voces que ás veces serán cálidas, outras veces descarnadas e intentarei algunha que outra vez sorprendervos con algunha desas cousas raras que xa sabedes que me gustan tanto e coas que vos dou a vara de tarde en tarde.

O que non quero é facer un blog que esté pendente de etiquetas, aquí van ter cabida todo tipo de sons e de estilos: do Jazz ao pop, da bossa nova ao flamenco ou do soul ao country. O que me pida o corpo nese momento. Non trato de reclutar a fieis de un ou outro movemento, o que trato é que isto se convirta nun punto de reunión para persoas sen perxuizos que simplemente queiran escoitar un puñado de boas cancións .
Benvidos á nosa cova, benvidos á vosa casa